Wednesday 15 de May de 2024

A Domus acolle unha exposición fotográfica sobre os estereotipos sociais, protagonizada por persoas do Centro de Integración Social


 

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, inaugurou a mostra que parte dunha iniciativa da Fundación Érguete para crear debate e espertar conciencias entre as e os participantes

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, inaugurou esta mañá a exposición de fotografía “Xeitos de ver. Construíndo masculinidades positivas”, na Domus, que é o resultado dun taller promovido pola Fundación Érguete, no que doce persoas do Centro de Integración Social aprenderon a fotografar con conciencia actitudes, xestos e símbolos relacionados cos estereotipos de xénero que previamente trataron na clase. A edila explicou que iniciativas deste tipo teñen que xurdir da colaboración entre todos para que os colectivos reflexionen, neste caso, sobre a construción ou deconstrución dos roles masculinos e femininos. Yoya recoñeceu o importante labor do tecido asociativo “ao que as administracións locais temos que mirar sempre” e reafirmou o seu compromiso na área para coordinar proxectos coma este que “nos converten nunha sociedade máis xusta ao xerar debates desde pequenos porque é máis doado ensinar que despois desfacer o mal aprendido”.

Desde a Fundación Érguete, a súa presidenta, Carmen Avendaño, lembrou a orixe da dita fundación co colectivo dos politoxicómanos e afirmou que sempre tivo debilidade polas reclusas e reclusos porque “afortunadamente hoxe é distinto, pero antes pechábanselles as portas para sempre”. Así foi que comezaron a traballar “duramente” cos organismos xudiciais e creouse unha conciencia colectiva “que rompeu a imaxe de delincuentes que tiñan as persoas que caeron na drogadicción”. Neste aspecto, Avendaño destacou que “Galicia sempre tivo unha resposta social

importante que nace desde abaixo e conta coa axuda da Administración”. Pola súa parte, a encargada de dar o obradoiro, Mariola Mourelle, contou que descoñecía a realidade das persoas presas ata que impartiu unha actividade da que “aprendín moitísimo, máis que o propio alumnado”.

Engadiu que a fotografía foi unha escusa para favorecer espazos de diálogo e coñecerse, dentro dun programa no que abordaron a arte da instantánea desde a perspectiva do xénero: “A mostra é o produto de todo un proceso que dá unha visión ampla e amable”, onde houbo momentos moi valorados polos seus protagonistas, xa só polo feito de saír: “Fixemos tantas fotos que foi imposible reducilas a doce”. Por iso, a coordinadora dixo que máis que un safari fotográfico, foi unha especie de pescuda sobre diferentes temáticas que coincidiu co Mundial de fútbol feminino en Francia e o ascenso do Real Club Deportivo de mulleres.